segunda-feira, 5 de março de 2018

Bullets over Woody Allen

Un artigo de Laureano Araujo

Dylan Farrow sempre sostivo que, en 1992, cando tiña sete anos, seu pai abusou dela sexualmente. O pai de Dylan Farrow é Woody Allen, quen adoptou a nena xunto con Mia Farrow, daquela a súa parella. Woody Allen nunca deixou de negar a acusación, que non se puido demostrar. Agora hai quen intenta socavar sutilmente o principio de presunción de inocencia aludindo de paso á predilección cinematográfica de Woody Allen polas adolescentes. A fantasía, con toda a súa incómoda carga inmoral –incluída a desproblematización artística das relacións entre adultos e menores–, converte o seu autor –Billy Wilder, por exemplo, co ambiguo personaxe interpretado por Ray Milland en The Major and the Minor– nun apoloxista da perversión ou mesmo nun agresor depravado?
Sexa como for, Woody Allen foi transformado nun ser tóxico tras sufrir o asalto do gregarismo neopuritano tan propio da sensibilidade anglosaxoa, que, ao socairo do imprescindíbel movemento #MeToo –exemplo de intelixencia colectiva contra a violencia estrutural– e liderado por poderosas estrelas televisivas e cinematográficas, o puxo na picota por pedófilo incestuoso, tornando unha acusación nun veredicto de culpabilidade. Desde logo, custa imaxinar o perturbadora que debeu de ser a etapa da infancia de Dylan Farrow en que ela sitúa os feitos que denuncia. Seus pais estaban enguedellados nunha separación traumática. Mia Farrow descubrira a relación (que desembocaría nun matrimonio) entre Woody Allen e unha media irmá de Dylan Farrow, a moza Soon-Yi Previn, que a actriz adoptara xunto co seu anterior cónxuxe, André Previn. Pero nin sequera un contexto tan arrepiante coma este facilitou a proba do abuso. Agora, porén, fronte ao xigantesco dedo acusador que o esmaga desde os medios e as redes sociais, Woody Allen parece condenado a demostrar o que afirma que non fixo, e iso, no dereito penal, coñécese co significativo nome de probatio diabolica.
Alén destas consideracións sobre este escabroso asunto, convén recordar que Hannah and Her Sisters eHusbands and Wives xa non son de Woody Allen, son de quen se emociona véndoas, igual que Manhattan Murder Mystery é de quen non pode deixar de sorrir no medio dunha aventura deliciosa. A arte nace da relación entre a obra e o público, ese público que hoxe non pode pasear por Manhattan sen albiscar entre a xente a Woody Allen e Diane Keaton discutindo e divertíndose e amándose e separándose.
Entrementres, é posíbel que o autor destas xoias –que (estamos avisados!) non deberían gustarnos porque disque son obra dun desprezábel depredador sexual– chegase, devastado pola infamia, ao final da súa carreira. O día en que morra o vello mestre neurótico, desaparecerá o autor dunha extensísima e desigual filmografía; partirá o director de películas como a nostálxica Annie Hall, unha das mellores comedias de todos os tempos. Ese día, moitas persoas lembrarán a desoladora historia que Dylan Farrow non deixa de contar. Pero tamén revivirán tantos outonos en que acudiron fielmente ao cine á estrea dunha cinta de Woody Allen, e chorarán a perda dunha das mentes máis lúcidas, implacábeis, enxeñosas e humanas que nos regalou esa experiencia tan imperfecta e tan breve que chamamos vida.
[Fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário